Restos do retablo da igrexa de San Nicolao que apareceron no pazo de Berbetouros (bispado) e están agora nun pendello do concello de Portomarín a mercede de calquera ladrón. LugoPatrimonio intenta agora que ben o Bispado ou a Consellaría de Cultura os saque de alí e os garde nun lugar acaído, mentres non se catalogan e rehabilitan para regresar á vila que antes do encoro de Belesar os desfrutou.
Nun galpón de Portomarín, estrañados, vimos os restos esnaquizados do que foi o retablo do altar maior da igrexa de San Nicolao, en Portomarín. Seica viñan do pazo de Berbetouros, do bispado, e alí estaban desde que se sacaran da igrexa, cando houbo que subila ao novo poboado debido á construción do encoro de Belesar. Aínda ollando os restos abandonados non o dabamos crido. Pauliña, pois, para o Bispado que, segundo se ve, perdeu a sensibilidade sobre o propio patrimonio, e unha miga tamén para o concello e a Consellaría de Cultura por non reaxir a tempo. Uns polos outros e o problema non se resolve. Que imediatamente se poñan estes restos a resgardo de ladróns e destrutores da nosa arte. Que o faga quen xexa, pero que non pase de hoxe, de mañá. E unha vez gardados, catalogados e rehabilitados, se volvan aos viciños e patrimonio desta fermosa vila de Portomarín.
Portomarín, 27 de xaneiro do 2007
O Arqueólogo e Historiador Xaime Delgado Gómez falou sobre A iconografía decorativa do Románico.
O arquitecto Alberte González, de xeito didáctico e valéndose de fotos dixitalizadas, explicou ao numeroso público os elementos que constitúen e que lle dan forma á arquitectura e estrutura dos edificios románicos, así como a súa evolución entre os sécalos X e XIII, destacando as formas xenuínas creadas na Galiza.
20 de xaneiro.
Os viaxeiros e viaxeiras de LugoPatrimonio, que pasaban de 130, desprazáronse en tres autobuses o día 20 de xaneiro aos lugares que previamente foran elixidos polos conferenciantes do Obradoiro “Coñecer o Románico”. Así, no decurso do día, visitaron as igrexas das Bernardas e Eiré, en Pantón, e despois dun espléndido e saboroso xantar no que aprezaron a gastronomía da zona do Saviñao, gozaron coas pinturas da igrexa de Seteventos e mais a impactante arquitectura e iconografía de Santo Estevo de Ribas de Miño. A viaxe foi, ademais, enriquecida coas lendas e interpretacións populares nacidas arredor dos monumentos visitados.
(Lugo, 1961). Arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña na especialidade de Urbanismo. A súa obra escrita vai desde varias colaboracións xornalistas sobre urbanismo e arquitectura ao “Dicionario Visual da Construción” do que foi coordenador e autor xunto con Antón Gómez Méixome. Desde 1990 tén traballado, a través de numerosas obras de restauración en colaboración con Jorge Salvador Fernández, no inmenso patrimonio edificado galego, especialmente o lucense. Como premios que marcan esta traxectoria está o concedido polo Colexio de Arquitectos na categoría de rehabilitación para a obra “Intervención no conxunto de San Facundo de Ribas de Miño” ou o ?primeiro premio no “Concurso de ideas para a Rehabilitacion e Ampliacion do Seminario Diocesano de Lugo”, convocado polo Bispado de Lugo en 1994. Desde o ano 2004, funda o gabinete de Arquitectura e Urbanismo gAU xunto con Jorge Salvador Fernández, Manuel López Guitar e Jorge Gómez Cereijo.
Despois dunha boa campaña da nosa programación sobre “Coñecer o Románico”, o resultado deixounos, como di o conto popular, non só contentos senón encantados. A cantidade de interesados e interesadas neste ciclo de conferencias e viaxes chegou aos 235, dos cales se incribiron en tempo e forma, 201.
Como ferramentas de traballo entregouse unha carpeta cos guións das propias conferencias, o libro “O reino medieval de Galicia”, de Anselmo López Carreira, e un dvd confeccionado polas Agrupacións Culturais da nosa provincia titulado “Viaxando con Manuel María”, pois foi el un consumado viaxeiro e cantor das culturas e paisaxes por el visitados.
O Delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, D. Xoán X. Molina Vázquez, e o Xerente do Xacobeo, D. Ignacio Rodríguez Eguíbar, xunto co Presidente da nosa Asociación, D. Lois Diéguez, o Vicepresidente, D. Adolfo de Abel, e a secretaria, Dª Celia Fajar, inauguraron este obradoiro con palabras sentidas e animados ante un salón totalmente ateigado de xente. Os parabéns foron reiterados á organización e éxito das xornadas, e tamén á axuda e colaboración destas institucións. Deseguido, proxectouse o vídeo “O Románico en Galicia”, producido pola AS-PG e con dirección de Eduardo Álvarez e guión de Xosé Fco. Correa e Jaime Duque.
O historiador D. Anselmo López Carreira, con material baseado en transparencias, ofreceu a conferencia inaugural sobre a Galiza dos séculos XI e XII, francamente interesante sobre todo por nos situar con realismo e personalidade nunha historia real normalmente agachada polas teoristas castelanizadoras, situando un país moi diferente ao actual, con forte poder político e capaz de crear toda esa riqueza do románico que podemos admirar con fortuna nestes momentos.
Situada, pois, a historia, viaxaremos nas próximas fins de semana, pola arquitectura e iconografía do románico e veremos en exemplos prácticos de igrexas e monumentos da Ribeira Sacra e Portomarín toda a teoría que darán os profesores D. Alberte González e D. Xaime Delgado Gómez. A Directiva de LugoPatrimonio, está a estudar agora como arranxar o alto número de participantes para que as viaxes sexan o máis cómodas posíbeis.
A época do románico foi para nós, galegos e galegas, tempo de esplendor nos distintos campos da arte, até tal punto que a creación propia do "Románico Compostelán" chegou a acadar sona internacional a través do Camiño de Santiago. Este Obradoiro sobre Coñecer o Románico intenta, dun xeito sinxelo e didáctico, mostrar aquelas características que nós todos poidamos recoñecer en calquera dos nosos monumentos; mais non so iso, senón tamén o que acontecía na Galiza durante os séculos XI, XII e mesmo XIII para que esta riqueza se puidese producir. LugoPatrimonio, intenta, con este obradoiro, popularizar e festexar o que os nosos devanceiros construíron coa inspiración propia dunha Terra diferente, rica e orgullosa do poder que, desde si mesma chegou a conquerer.
Lois Diéguez,
Presidente de LugoPatrimonio
Lugo, xaneiro do 2007
12, 19, 20, 26, 27 DE XANEIRO DO 2007
BIBLIOTECA PÚBLICA PROVINCIAL LUGO
Teñen ben merecida esta Pauliña, como exemplo de barbarie e total insensibilidade por esnaquizar o pedestal que erguía solemnemente a escultura da chamada a Matrona da Praza de Avilés, a propia escultura, así como toda a decoración Art Déco que igualaba estilo coa Pérgola, escalinata e balaustrada do Parque Rosalía de Castro, o grupo de goberno do Concello de Lugo. E non só iso, senón tamén polo estrago a pico e pa dos escudos de cerámica metalizada de Talavera (quizá de Manises) que adornaban os catro lados do Pedestal. Sería moi difícil de crer esta barbarie se non a vísemos en directo. Se ben o brazo executor, como sempre, foi o xa tan tristemente coñecido D. José Piñeiro, que din agora o alcalde Sr. Orozco, e esa flamante concelleira de Cultura Dª Concepción Burgo? Algo teriamos que escoitar. Polo menos unha excusa, unha autocrítica e, sobre todo, a promesa de que a partir de hoxe, o Concello de Lugo debe elixir unha Comisión de Defensa do Patrimonio que siga moi polo miúdo calquera obra que queira executar ese malogrado grupo de Goberno.
Lugo, 11 de xaneiro 2007
IGREXA DE SANTA MARÍA DE MEIRA
Mosteiro cisterciense (fundado no 1143).
A igrexa xa é protogótica (1190-1225?), como o confirman as súas altas bóvedas, central e transversal; os arcos apuntados e as xanelas xa de máis luz.
Foi consagrada en 1258.
Planta de cruz latina.
Nela resaltan: as tres naves, a nave transversal e a cabeceira absidal con 4 capelas rectangulares e a Maior.
Capela Maior: Treito recto, bóveda de canón. Treito semicircular e semicúpula.
Sala con cúpula estrelada, feita en 1586 nun treito do claustro, do que só existe esta parte.
Sacristía engadida en má fortuna.
San Bernardo (1091-1153)
As súas normas están reflectidas no monumento, como a súa finalidade e función, ou a pobreza decorativa. Rexeita o superfluo. A decoración non debe server para admirar, senón para meditar.
A decoración só aparece en: capiteis, canzorros ou modillóns e arquivoltas.
Hai tres clases de capiteis: xeométrico-vexetais e de entrelazos perolados, de follas sinxelas e outros case lisos na súa totalidade.
Nos modillóns: os absidais son de grande riqueza decorativa. Parecen un desafío aos mandados de San Bernardo.
Os outros, pouco ou case nada decorados.
Nas arquivoltas: moi sinxelas, tipo xeométrico-vexetal.
Fachadas
Sur (no muro da nave transversal): A Porta na parte alta comunicaba coa residencia monacal. A Porta baixa era a entrada dos monxes desde o claustro. A espadana é de traza románica, pero posterior.
Norte: no muro da nave transversal, porta e torre.
Principal: grandiosa porta de sinxela decoración nas catro arquivoltas, tres delas sostidas por outros tantos pares de columnas acodilladas e a outra polo mesmo muro.
Consérvanse as ferraxes orixinais.
Sobre a porta, fermoso rosetón.
No flanco dereito, sinxela torre.
Retablos
Ten dous importantes retablos: o Principal, neoclásico, con escena da Asunción de María, e o lateral (s. XVII) (lactancia).
Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.